TREIXADURA PRESENTA INDA CANTO EN VIGO, O SEU PRIMEIRO CONCERTO DA SÚA NOVA XIRA
As entradas para o concerto están esgotadas
Este venres 13 de abril Treixadura presentará no Teatro Afundación de Vigo o seu novo traballo Inda canto, o sétimo disco do grupo de música tradicional que estará á venda a partir desta semana.
A actuación deste venres será o primeiro concerto de Treixadura no que o público poderá escoitar en directo o seu novo disco, Inda canto. Segundo os membros de Treixadura “escollemos presentar en Vigo pola nosa especial relación coa cidade. Fai 3 anos decidimos gravar aquí o noso disco en directo, todos os concertos que ofrecemos nesta cidade son especiais e buscamos presentar aquí o noso novo traballo”.
CONCERTO TREIXADURA EN VIGO
Teatro Afundación Vigo – Venres 13 de abril, 21:30 horas
Este concerto será o punto de partida para a xira 2018 de Treixadura que levará ao grupo por toda Galicia achegando a música tradicional galega a través de composicións propias e antigas que respectan a tradición.
Sobre Treixadura
Treixadura ofrece desde 1990 un espectáculo musical sorprendente a través de dúas concepcións ben arraigadas na tradición galega: o canto e a gaita. O resultado é unha proposta artística que recupera a música tradicional e, á súa vez, representa unha achega á cultura a través das súas composicións e a recuperación de pezas e cancións populares.
Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a música tradicional ao máximo nivel, Treixadura foi modelando o seu camiño transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de fiar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.
28 anos de gravacións e concertos, 7 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.
Categorías
- Novas (12)