Estimadas amigas e amigos.

En condicións de normalidade, Treixadura atoparíase neste intre festexando con todas e todos vós os seus trinta anos de vida e mostrándovos o resultado do que debería ser o seu traballo discográfico conmemorativo. As circunstancias derivadas da pandemia actual obrigaron como ben sabedes a unha suspensión da actividade que non resultou doada: os concertos e a posibilidade de compartir música tradicional dannos vida e énchennos de alegría.

Logo de reflexión e debate interno comunicámosvos a decisión do grupo de paralizar os concertos para este ano 2021. Dada a idiosincrasia que formamos como grupo e tendo en conta as restricións, limitacións, adaptacións e reorganizacións derivadas da pandemia, consideramos que é o oportuno. Mentres, seguiremos traballando, ultimando o libro-disco conmemorativo dos 30 anos do grupo e peneirando novos repertorios para os novos tempos, que de seguro chegarán.

Cando todo isto remate Treixadura regresará aos directos coa ilusión acesa e toda a nosa vontade por seguir andando camiño e ofrecendo a nosa música a quen a queira escoitar.

Ao regreso prometemos xira nas principais vilas galegas. Teremos moito que celebrar e compartir!

Saúdos, saúde.

 

Sinatura Treixadura