Composto por 12 cancións, Inda canto continúa o labor de Treixadura de poñer en valor a música tradicional galega.
Pasaron tres anos desde o último traballo de Treixadura.

Despois de máis de 3 años desde a publicación do seu último traballo, volve Treixadura neste mes de abril cun novo álbum de estudo, Inda canto, unha nova aposta do grupo por reinventarse e seguir a andar camiños musicais a carón da tradición.

cabeceira_indacanto_fb

Inda canto será o sétimo disco de Treixadura, un dos grupos referentes da música galega que recolle a tradición e pon en valor a súa riqueza cultural. Cunha traxectoria musical de vinte e oito anos, Treixadura é un grupo recoñecido pola súa recuperación do patrimonio cultural galego e cun reto definido: achegar a música tradicional a un maior público, difundindo composicións propias e antigas que respectan a tradición.

Composto por 12 cancións, Inda canto responde á necesidade de Treixadura de seguir cantando e tocando. Segundo os integrantes do grupo, “a música tradicional é necesidade para unha tribo, para un pobo, para unha sociedade. Necesitamos eses referentes do imaxinario colectivo, esas cancións e letras que coñecemos todas e todos e que cantamos en ocasións especiais ou sen máis, cando nos xuntamos”.

Sobre Treixadura

Treixadura ofrece desde 1990 un espectáculo musical sorprendente a través de dúas concepcións ben arraigadas na tradición galega: o canto e a gaita. O resultado é unha proposta artística que recupera a música tradicional e, á súa vez, representa unha achega á cultura a través das súas composicións e a recuperación de pezas e cancións populares.

Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a música tradicional ao máximo nivel, Treixadura foi modelando o seu camiño transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de fíar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.

28 anos de gravacións e concertos, 7 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.