Tenda

Ver cesta “Esa si que é muiñada” foi engadido a túa cesta.

Unha semaniña enteira

10,00

UNHA SEMANIÑA ENTEIRA
PAI Música 2006

“UNHA SEMANIÑA ENTEIRA” é o cuarto traballo discográfico do grupo, continuación dos dous anteriores (“UNHA NOITE NO MUIÑO” e “UNHA NOITE NON É NADA”).

Nesta ocasión, incidimos no pouso que o canto popular foi deitando na historia da música galega reivindicando, unha vez máis, a transmisión de melodías tradicionais e do noso patrimonio cultural.

Xúntanse dúas concepcións ben arraigadas na música da nosa terra: o canto e a gaita, o ORFEÓN TREIXADURA e TREIXADURA GAITEIROS. A música tradicional salvagardada polos coros decanos galegos, as cantigas populares que arrouparon a gaita no século pasado, as melodías de gaita que máis prenden en nós, as novas cantigas que TREIXADURA “peneira no seu tremiñado” configuran o repertorio deste novo traballo.

Spotify Itunes

Category:

Product Description

Gravamos “UNHA SEMANIÑA ENTEIRA nos estudos A casa de tolos de Gondomar e Edisco na Estrada, a finais de 2005 e principios de 2006, coa axuda dos técnicos de son Segundo Grandío, Pablo Casal e Fernando Campos.

“UNHA SEMANIÑA ENTEIRA contou coa colaboración de dous grandes músicos que son, ante todo, grandes amigos nosos.

Se sobes unha tarde de bo tempo ao monte Santa Trega, poderás gozar do bo facer musical de Tino Baz, gaiteiro da Guarda. Foi moi preto de alí, en Camposancos, onde tivemos a sorte de atopármonos en 1999 e dende aquela, TREIXADURA e Tino Bazsomos amigos e colaboradores inseparables.

Tino formou parte do ORFEÓN TREIXADURA na súa primeira etapa e accedeu a gravar con nós “UNHA SEMANIÑA ENTEIRA”. Non podemos contar con el nos directos, pero si acudir a algún dos seus concertos en solitario para abraiarnos e emocionarnos coa súa música tradicional de gaita, guitarra, percusión, zanfona e como non, coa súa potente voz.

Pablo Cés, o bombeiro bombeiro, comezou a colaborar con nós nalgúns concertos durante o ano 2005, concertos nos que, ademais de regalarnos ese seu xeito tan especial de tocar o bombo, nos sorprendeu co seu ánimo, o seu optimismo e a súa enerxía no escenario. A súa traxectoria musical comezou coa fundación de “OS CEMPÉS” e hoxe forma parte de “MALVELA” e “SON DE SEU”.

Este é o repertorio que escollemos para plasmar o encontro musical entre dous grupos que comparten unha mesma estética musical e que deu lugar á edición deste traballo.

“Unha semaniña enteira” , rescatada dunha antiga gravación familiar de “OS CAMPANEIROS”, arranxamos esta orixinal composición súa como a nosa sentida homenaxe a un dos máis grandes grupos de gaiteiros da nosa música popular.

“Fisterra”
, este fermoso tema, mestura de varios cantos populares, soa nas voces do ORFEÓN TREIXADURA amosándonos o seu lado máis sensible, doce e inspirado. O grupo Tau de Vigo xa o interpretaba nos albores da música folk en Galiza.

   “Foliada de Sarela”, unha corrente de auga apaixonada, desexada, esperada no tempo e na distancia…Sarela.

   “Muiñeira do Santo Amaro”, no ano 1999, TREIXADURA coñeceu a Tino Baz na romaría do Santo Amaro (Camposancos – A Guarda). Sirva esta melodía para selar unha amizade chea de momentos inesquecibles que perdura no tempo.

   “Se chove”, ” …deixa chovere, se orballa, deixa orballare, por máis que chova e que vente, de ti non me hei de apartare…”

” Polca dos Encantiños”, 
OS ENCANTIÑOS DO UMIA é un veterano grupo de gaiteiros de Godos (Caldas de Reis). Do seu fecundo repertorio, arranxamos esta polca que aparece precedida, co permiso dos mestres, dunhas atrevidas variacións da melodía no acordeón.

   “Estreliña do Luceiro” / “Miñas Cunchas” , Tino Baz e Mingos Lorenzo recrean un fermoso alalá que serve de preludio para unha cantiga que formou parte do repertorio dun dos coros decanos da música galega, CANTIGAS E AGARIMOS

   “Chula da Guía”, Nosa Señora da Guía e Chula da Póvoa son os nomes cos que se coñece esta melodía en Galiza e Portugal. Máis alá das liñas trazadas nos mapas, esta melodía lémbranos a inmensa cultura popular que compartimos co país veciño. A segunda melodía, Mariñas de Betanzos, aparece recollida en Cantos e Bailes de Galiza de José Inzenga.

   “Cantiga da Vendima”, o estremeño Manuel García Matos publicou en 1960 unha recollida de campo na que figura este tema. Pertence a unha serie de melodías que coa súa interpretación facían máis levadeiros os traballos agrícolas.

   “A Herba da Illa de San Simón”, a Illa de San Simón (Redondela – Pontevedra) conserva aínda a maxia e a beleza que inspiraron os trobadores medievais galegos e que os desastres da guerra non lle puideron roubar. Unha alborada pola illa bastou para que nacese parte desta melodía que nos lembrará por sempre aquela tarde.

“Ansuiña” / “Miñas Cousas”, ANSUÍÑA, illote de Vilanova de Arousa (Pontevedra), é o nome dun grupo de gaiteiros desta vila en que, dende hai anos, milita con entusiasmo o compositor da muiñeira. Miñas Cousas é a nosa versión deste tema popularizado polo CORO CANTIGAS DA TERRA e que chegou a nós a través de Ricardo Santos.

A necesidade de incluír no anterior disco un coro de voces masculinas no tema “A chula de Pontevedra”, deu orixe ao ORFEÓN TREIXADURA.

Decidimos xuntar para esa ocasión unha serie de compañeiros que, coma nós, gustaban e gozaban do canto e dispoñían de boas voces. Este orfeón acompañounos en parte dos concertos de presentación de “UNHA NOITE NON É NADA”.

Se algo pretende este disco, ademais de contribuír á divulgación e normalización da música tradicional galega, é compartir o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

Invitámosvos a cantar con nós e co ORFEÓN TREIXADURA e que sexades partícipes desta nosa xuntanza musical que agora tamén é vosa.

Reseñas

Aínda non hai valoracións.

Sé o primero en valorar “Unha semaniña enteira”

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

WordPress Theme built by Shufflehound. Treixadura, 2022 - Web deseñada por Coma Comunicación Creativa
has been added to the cart. View Cart

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pique a ligazón para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies